Cultura

O dia do teu enterro | Rexina Rodríguez Vega

O día do teu enterro ía sol, ás cinco da tarde o ceo estaba empedrado de vetas rosas e vermellas, un presaxio da primavera. Non parecía un día acaído para chorar, así que me concentrei en seguir as coroas que abaneaban sobre a tapa vernizada do cadaleito, unha lámina brillante de cor caramelo sobre a que a cada desnivel do camiño caían os pétalos das rosas, o po das azucenas, as faíscas do fiúncho. Unha e outra vez ese ornato vexetal saltaba sobre a cuberta, descolocábase, como un postizo mal posto, como unha perruca que ameazase con caer e deixar ao descuberto o pavor do cranio pelado. Por iso eu, detrás do coche fúnebre, só tiña ollos para aquela ameaza, unha disonancia, como a túa morte repentina. 

 

Repetía para min que non doería, que sería capaz de borrar esa tarde, esa semana derradeira, e os anos anteriores, as décadas. Milleiros de horas en que estabas gravado como de pasada, ao lonxe, desenfocado, borrado á mantenta. Tiña que medio chorarte, medio consolar os que deixabas. Porque así viviras, preferindo non estar de todo, buscando sempre a liña de fuga, o lugar máis lábil para negarte. Un oco, o baleiro que queda nun molde de xeso. Pero non dei conseguido odiarte con verdadeira convicción, con total seguridade. Lembro esa certeza e tamén a teima por facerme insensible á dor da túa morte. 

 

Así, concentrada nas flores que baten e os nunca te esqueceremos das grilandas, fixen que ese día pasase coma se eu mesma fose alguén que te coñeceu apenas e que se viu obrigada a acudir ao teu enterro.

 

Rexina Rodríguez Vega: (Vigo, 1966) é unha profesora universitaria e serodia escritora de ficción. Comezou no ámbito do ensaio filolóxico con estudos como Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (Premio Ricardo Carvalho Calero 1997) e na tradución literaria, acadando o premio Stendhal por El secuestro, versión de La Disparition, de Georges Perec. No ano 2007 decidiuse a publicar a súa primeira novela, Cardume, galardoada co premio Xerais. En 2012 publicou Dark Butterfly e en 2017 Nadie duerme, versión que aparece retroautotraducida para o galego en 2019 como Ninguén dorme. Colaborou no volume Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017) e na antoloxía Textos potentes. Atlas de literatura potencial, coordinada por Pablo Martín Sánchez (2019).

 

 

Qual é a sua reação?

Gostei
0
Adorei
0
Sem certezas
0

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado.

Próximo Artigo:

0 %